Como crear unha Nube de Morfina:

1. Acomódese

2. Sírvase algo de beber. Se desexa acompañar con algo de picar, preferiblemente trociños de melocotón e piña para estimular a imaxinación.

3. Pense logo que quere de postre. Recomendacións: algo con moito azucre.

4. Deixe que entre a luz pola ventá. Recomendacións: Evite estar dentro da casa.

5. Teña con vostede pinturas, papel, boli ou lápis, unha cámara ou calquer instrumento/utensilio capaz de recoller algunha inquedanza.

6. Desfrúteo facendo.

7. Compártao.


martes, 19 de abril de 2011

Diario dunha comunicadora

Volvín á praia: aquela que me ensinaras e que fachendoso dicías que era soamente túa. Hoxe non é máis que a dona de toda aquela felicidade efímera que facías repousar sobre min. Senteime pretiño das rochas porque ti dicías que alí non zoaba tanto o vento. Fiquei ao abrigo delas e ao tempo que as ondas bicaban as areas lembreime das bolboretas no meu ventre, das cóxegas polas túas costas, dos sorrisos cómplices, das carantoñas e dos aloumiños durante horas e horas, -tantos días-. Tamen fun consciente dalgunha promesa. Iso que riscaras nas rochas: "Para sempre". Vaia. Era a túa meniña, fun a túa consentida; tan indefensa ante os teus bicos, tan miúda entre os teus brazos.
As miñas manías chegaron a ser túas: ollar o periódico de atrás cara adiante, pórse a debuxar nubes de morfina na area, facer moreíñas para usalas como almofada...
Mais tiven que aprender a secalas bágoas moi rápido cando ti liscaches. Tiven que aprender a sorrir cando só quería chorar, asentir que todo ía ben cando todo se derrumbaba. Tiven que facerme forte sen ti.
E aprendín. Pensei que podía ter outra oportunidade e que chegaría alguén capaz de pór o meu mundo patas arriba agora que todo ficaba ben. Pero só topei con persoas que me magoaronn unha e outra vez. Pensan que poden tratarme como a un ligue na barra dun bar, que me conformo cunha copa de destilado e dúas palabras bonitas, que se lembren de min á noite. Pero dou por feito -sei de cheo- que só me gusta escoitar na túa boca a palabra "princesa", e que só me gustan os teus aloumiños e que soamente sexas ti quen se enreda entre os meus cabelos, soamente verte a ti reflectido no brillo da miña ollada, soamente ti quen me leve da man e me estreites forte contra o teu peito; e nese instante no que parece que o mundo se para soamente escoitarte a ti, ao teu latexo. E volverme sentir tan indefensa ante os teus bicos, tan miúda entre os teus brazos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario