Como crear unha Nube de Morfina:

1. Acomódese

2. Sírvase algo de beber. Se desexa acompañar con algo de picar, preferiblemente trociños de melocotón e piña para estimular a imaxinación.

3. Pense logo que quere de postre. Recomendacións: algo con moito azucre.

4. Deixe que entre a luz pola ventá. Recomendacións: Evite estar dentro da casa.

5. Teña con vostede pinturas, papel, boli ou lápis, unha cámara ou calquer instrumento/utensilio capaz de recoller algunha inquedanza.

6. Desfrúteo facendo.

7. Compártao.


miércoles, 20 de febrero de 2013

Deica logo, camarada

Demos co campo por un camiño de pedra. Segundo nos achegabamos faciámolo paso máis cativo para evitar irrumpir aquel silenzo estremecedor.

Por riba dos muros deixábase ver unha marea negra de barillas e tela impermeable onde escorregaba a choiva. Choiva miúda que debaixo dos paraugas semella o trote dun cabalo.

A porta pequena da igrexa estaba pechada. Notaba a herba húmida a través dos zapatos.
Mentres miraba a marea negra onde se agochaban o resto de feligreses, fíxome un aceno co mentón para que o seguise.

Ficamos diante do santuario, na porta principal coas portas abertas. Esperábase a alguén.

Un home sen saber de música facía soar as campás. Dúas veces a pequena, unha vez a grande.

Tan,...    tan,...    ton.

Alguén chegaba ainda ó lonxe.

Quedaba tempo.

Tan,... tan,... ton.

Seguía chovendo e ó campo viña ainda xente.

Tan, tan, ton.

Asomábase outra marea negra, paseniña. Entre laios amarrados.

Apresurábanse as campás.

Tantantón.

Chegara. E calaron as linguas. E cesou o son das campás.
Fíxose un silencio e o ceo semellou chorar con forza.

Catro homes colleron a caixa adornada de flores cos brazos mais non con forza. Estaban sen folgos, cansos de chorar. A dor non nos era allea a ninguén dos que alí estabamos.

Volveron soar as campás, sen parada.

Tan, tan, ton. Tan, tan, ton.

A quen todos esperaban xa chegara. A marea negra apoiada nos muros fíxolle un último pasillo e el deu o último paseo.

Tan, tan, ton. Tan, tan, ton.

A humidade da herba, a choiva soando como o trote dun cabalo.

Tan,

Os laios reprimidos, os choros incontidos.

A caixa sepultada, a terra botada.

tan,

O cheiro a incienso. As caras demacradas.

ton.

Un último adeus. Deica logo, camarada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario